︎        ︎    ︎



Castropol, Asturias

Ag. 1937- Febr. 1943

Situado na ribeira asturiana da ría de Ribadeo, por este campo de condicións climatolóxicas moi duras pasaron miles de prisioneiros nas súas dúas etapas, prisioneiros de guerra na primeira e familiares e colaboradores da guerrilla antifranquista na segunda, especialmente mulleres e nenos, que eran levados a este campo como forma de represión e para poder cortar o seu apoio aos guerrilleiros e fuxidos. Neste campo, as forzas da guarnición tamén levaban a cabo a vixilancia e defensa da costa. Os 300 prisioneiros, en tres barracóns de madeira con liteiras de tres pisos, repartíanse en cen persoas por pendello.

USO ORIXINAL
Posto de vixilancia marítima

USO ACTUAL
Praia e parque

MEMORIAL
Si (vandalizado)

︎︎


«O inverno era moi duro, o vento tempestuoso e húmido do mar filtrábase no interior dos barracóns. Ás sete da mañá, aínda chovendo, todos formados cantando o Cara al Sol coa man no alto. A mesma operación repetíase arriándoa á noitiña. A comida era mala, servíase tamén ao aire libre e formando colas. Practicamente se comía de pé, sobre a marcha, para formar unha nova cola de reenganche».1

«Había un médico sen apenas instrumental que pouco podía facer. Pensaban que, se enfermaban, o mellor era deixalos morrer. Así habería máis sitio para menos rojosEra un cemiterio vivente. Víalos vagar esfameados, acovardados, coa mirada perdida. Arrincaban as portas e queimábanas para se quentar».2

«O tempo do día empregábase en sacar grijo do mar para construír unha estrada. Facíase con cestos á man en longos traxectos. O traballo era moi duro, principalmente no inverno, e non había consideración algunha para as mulleres...».1

«Estando eu non se fusilou a ninguén, porque non facía falta. Xa morrían de fame, pero é posible que antes, durante a guerra, si. Había malos tratos porque había presos políticos. Aos mineiros de les Cuenques, a eses si que lles daban. Cando chegamos nós, os presos recibíronnos con alivio. Dixéronnos que os de antes eran moito peores. Tiñan unha asignación para sobrevivir pero quedaban con ela os oficiais. Cambiaban roupa por comida ata que quedaron sen nada que cambiar. Víannos comer e cando iamos tirar un musgo de pataca sen pelar ou un pedazo de carne con óso dicíannos que non o tirásemos, que llelo désemos. Nós, aproveitando as substitucións, repartiámoslles comida sen que se decatasen os oficiais. Sobre todo ovos, leite e broa. Eles choraban de agradecemento. Aquilo rompíache a alma».2

«Había xente do pobo que se arriscaba a levarlles comida, pero non podían entrar nin falar con eles. Non había contacto co exterior e as cartas censurábanse».2


TESTEMUÑOS
1. José Manuel Castiello Carrís, 12 anos. En Por qué estorba la memoria, de Gerardo Iglesias. Ed. Madera Noruega.
2. Arturo Pin «Pinín», soldado. Recollido por Daniel Guerra. El blog de Acebedo.
Mark