︎ ︎ ︎
Figueirido, Pontevedra
1938 - 194?
Habilitado nun cuartel de artillería, Figueirido funcionou primeiro como campo de concentración e máis tarde como prisión. Malia que non foi «prisión de sangue» (non contaba, como outros recintos, cun «pavillón da morte» formado por presos agardando a ser executados), a escaseza de auga, que impedía o aseo e a limpeza da roupa, facilitou, xunto coa fame e o frío, a aparición de todo tipo de enfermidades, especialmente da pel.
USO ORIXINAL
Cuartel de artillería
USO ACTUAL
Base militar
MEMORIAL
Non
︎︎
Figueirido, Pontevedra
1938 - 194?
Habilitado nun cuartel de artillería, Figueirido funcionou primeiro como campo de concentración e máis tarde como prisión. Malia que non foi «prisión de sangue» (non contaba, como outros recintos, cun «pavillón da morte» formado por presos agardando a ser executados), a escaseza de auga, que impedía o aseo e a limpeza da roupa, facilitou, xunto coa fame e o frío, a aparición de todo tipo de enfermidades, especialmente da pel.
USO ORIXINAL
Cuartel de artillería
USO ACTUAL
Base militar
MEMORIAL
Non
︎︎
«Chegamos a Figueirido. Íannos clasificando segundo entrabamos. Un garda preguntábanos a pena que nos pediran. O meu irmán ía inmediatamente diante de min: “A min pedíronme vinte anos”, contestou el. “Pois vai asinar vostede trinta”, díxolle o garda. Asinabas a condena e pasabas. Chegoume a min a quenda. “Que lle pediu a vostede o tribunal?”, preguntoume o garda. “Pena de morte”, respondinlle. “Pois vai asinar vostede...trinta anos! E chégalle ben”».1
«En Figueirido morriamos de fame. Alí a vida que levabamos era mala, mala, mala. Caeunos todo enriba: a miseria, a fame, as enfermidades... No mes de febreiro, creo que do 39, morrían dous presos diarios pola fame e as enfermidades. Sacábannos no camión que ía todos os días a levar os víveres. A xente dos pobos do arredor portábase moi ben cos presos. Como vían sacar do cárcere mortos todos os días, empezou a correr o rumor de se estarían a matar os presos. A min mesmo téñenme levado comida. Chamabámolas “madriñas”».1
«21-6-38. Hai uns días que funciona unha parodia de emisión de radio á hora da sesta. Os compañeiros encargados desta agradable distracción recollen as colaboracións que calquera queira enviar, examínanas e, se teñen algunha graza ou fina sátira sobre algún compañeiro da brigada, danse a coñecer. Tamén se len poesías e está en proxecto organizar algunha charla instrutiva».2
«20-7-38.- Hoxe fomos advertidos de que en adiante, durante a hora diaria do patio, non se pode falar polas xanelas que dan a outras brigadas nin pasear coas mans nos petos. O paseo debe ser con corrección, sen xogar nin facer máis exercicio que pasear. Ao patio fíxoselle un recinto central que nos illa dos soldados e de todos os demais servizos do cuartel e a prisión. Así, ben á vista e sempre ameazados polas metralladoras, pasan as nosas horas de recreo».2
«En Figueirido morreu moitísima xente de enfermidade. Cando trouxeron os maños, viejinos todos, cuns pantalóns até o xeonllo, pois todos os días morría xente. Tamén houbo xente que se suicidaba tirándose desde a parte alta».3
TESTEMUÑOS 1. Rogelio Fernández. En La libertad es un bien muy preciado, Marcelino Laruelo. 2. Jose Mª Álvarez Viña. En La libertad es un bien muy preciado, Marcelino Laruelo.
3. Manuel Muñiz Manso. En La libertad es un bien muy preciado, Marcelino Laruelo.